Mitos
A Santa Compaña
Ficha rápida do mito
- Nome: A Santa Compaña
- Outros nomes: Estadea, Huespeda, Procesión das Ánimas
- Que é? Unha procesión de almas en pena que percorre os camiños durante a noite.
- Como protexerse? Segundo a tradición, cun cruceiro, un círculo no chan ou rezando.
O mito en si
Se hai unha lenda galega que me daba medo de verdade cando era pequena, esa era a Santa Compaña. Creo que non hai galego que non escoitase falar dela algunha vez. Na miña casa bastaba con que alguén mencionase o tema para que aparecese a historia dun veciño, dun tío ou dun avó que supostamente a vira. Eu escoitábaas todas, pero despois tocaba volver para a casa de noite e xa non me facía tanta graza.
A tradición conta que a Santa Compaña é unha procesión de almas en pena que percorre os camiños durante a noite. Van cubertas con túnicas e capuchas, levan velas e van rezando. Non tes que velas para saber que están preto, xa que primeiro chega o cheiro a cera, despois os cans comezan a ladrar e o resto dos animais calan de golpe. Só de imaxinalo xa me entra bastante mal rollo.
Pero a parte que máis medo me dá non son as ánimas. É a persoa viva que vai diante delas levando unha cruz ou un caldeiro de auga bendita. Está condenada a acompañar a Santa Compaña noite tras noite e cada día que pasa vai perdendo as forzas e vese máis pálida e máis delgada. A única maneira de librarse é conseguir pasarlle a cruz a outra persoa que se cruce no camiño. Preparando esta entrada descubrín que a lenda está moi relacionada co Camiño de Santiago. Ten sentido, porque moitas das aparicións suceden en camiños, cruces e cruceiros polos que pasaron peregrinos durante séculos. Segundo algúns relatos, os cruceiros servían precisamente para protexerse da procesión.
Por sorte, a tradición deixa algunha saída máis. Podes debuxar un círculo no chan, deitarte boca abaixo ou comezar a rezar. Non sei cal funcionará mellor e, sinceramente, tampouco teño intención de comprobalo. Se algunha noite vou soa por un camiño, aparece a néboa e noto cheiro a cera, dou media volta e listo. Por se acaso.
Bibliografía
Colaboradores de Wikipedia. (2026b, mayo 12). Santa Compaña. Wikipedia, la Enciclopedia Libre.
https://es.wikipedia.org/wiki/Santa_Compa%C3%B1a
Pineda, F. (2021, 2 agosto). La Santa Compaña: La leyenda gallega más extendida. Vivecamino.
https://vivecamino.com/la-santa-compana-la-leyenda-gallega-mas-extendida-no-71/