Lendas
A Cova da Doncela
Ficha rápida
- Lugar: Cova da Doncela (Covas, Viveiro - Lugo)
- Que é? Unha cova escavada nos cantís da Mariña que remata nun espectacular balcón natural sobre o mar.
- Lenda: Cada noite de San Xoán, unha moura —ou, segundo outras versións, unha doncela— sae da cova para bañarse no mar e peitear os seus cabelos cun peite de ouro.
- Dato curioso: Tamén se di que durante a posguerra a cova serviu de agocho para os maquis.
A lenda
Din que na noite de San Xoán unha moza de cabelos louros sae dunha cova escondida entre os cantís de Viveiro. Baixa ata a praia, báñase no mar e, antes de que amence, senta nas rochas a peitear o seu cabelo cun peite de ouro. Cando sae o primeiro raio de sol, desaparece de novo no interior da cova.
Esta é a lenda da Cova da Doncela. A primeira vez que a lin gustoume, pero había unha cousa que non me encaixaba. Nunca acabei de imaxinar unha doncela vivindo nunha cova no medio dun cantil. Que facía alí?
Despois descubrín que hai quen di que a protagonista da historia non era unha doncela, senón unha moura. E aí entendín todo. As mouras aparecen constantemente en covas, fontes e castros, gardando tesouros ou peiteándose con peites de ouro. Desde entón, para min, a da Cova da Doncela sempre será unha moura.
A propia cova tampouco parece un lugar moi doado para vivir. Para entrar hai que atravesar un paso tan estreito que os primeiros metros se fan a gatas. Cando por fin saes ao outro lado, aparece unha especie de balcón natural sobre o mar. As vistas desde alí son preciosas e só por iso xa paga a pena pasar o mal trago da entrada.
Como se a moura non fose suficiente, tamén hai quen conta que durante a posguerra a cova serviu de agocho para os maquis. Parece que todo o que pasa por alí acaba deixando unha historia.
Xa teño unha escusa para volver a Viveiro e esta vez vai tocar facelo por San Xoán. Se aparece alguén peiteándose nas rochas, xa veremos se é moura ou doncela. Eu teño bastante clara a miña aposta.
Bibliografía
Fernández, L. (2023, 29 julio). La cueva con más magia que se esconde en plena ría de Viveiro. La Voz de Galicia.
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/amarina/viveiro/2023/07/27/cueva-magia-esconde-plena-ria-viveiro/00031690475678731877732.htm
TurLeyendas. (2014, 27 diciembre). Leyenda de “A Cova da Doncela”.
https://turleyendas.wordpress.com/2014/12/25/leyenda-de-a-cova-da-doncela/