Instagram TikTok Spotify

Mitos

A cidade asolagada de Beria

Primeira imaxe da cidade asolagada de Beria Segunda imaxe da cidade asolagada de Beria

Ficha rápida

  • Nome: A cidade asolagada de Beria
  • Tipo: Lenda galega
  • Lugar: Lagoa das Lamas de Goá, Cospeito (Lugo)
  • Que conta? Segundo a tradición, a cidade de Beria quedou afundida baixo as augas tras unha maldición da Virxe.
  • Curiosidade: Dise que, nas épocas de seca, podían verse no fondo da lagoa pedras labradas, vigas de madeira e outros restos que alimentaron a lenda durante xeracións.

O mito en si

Esta entrada existe por culpa de Cyberpunk 2077. Hai unha misión que me encanta na que Judy leva a V a mergullarse no lugar onde estaba a cidade na que vivía de pequena, antes de quedar baixo a auga. Mentres nadan polas rúas vai recoñecendo cousas da súa infancia: a igrexa onde entraba de nena, a gasolineira, as tendas... Ver todos eses lugares intactos, pero ocultos baixo a auga, fíxome pensar no que debe sentir alguén ao volver a un sitio que xa non existe. Desde que xoguei esa misión quedei bastante obsesionada coas cidades sumerxidas. Así que, cando descubrín que en Galicia temos unha historia parecida, obviamente tiven que buscar máis.

Todo o mundo coñece a Atlántida, pero eu nunca escoitara falar de Beria. Segundo a lenda, esta cidade estaba onde hoxe se atopa a lagoa das Lamas de Goá, en Cospeito (Lugo).

A historia conta que un día a Virxe pasou por Beria e non atopou ningunha igrexa. Unha muller explicoulle que os habitantes adoraban figuras de madeira e pedra en vez de a Deus. A Virxe enfadouse, maldiciu a cidade e pediu que quedase baixo a auga. Despois comezou a chover con tanta forza que Beria acabou desaparecendo por completo.

O que máis me chamou a atención é que hai xente que asegura que, cando a lagoa baixaba nas épocas de seca, podían verse pedras labradas, vigas de madeira e restos de antigas construcións no fondo. Non sei se alí existiu realmente unha cidade ou se alguén viu unhas pedras e deixou voar bastante a imaxinación.

Pero recoñezo que este tipo de historias me encantan. Sempre me fan pensar en como sería pasear por un lugar que leva séculos escondido baixo a auga. Se algún día se pode baixar a ver Beria como Judy baixa para visitar a súa cidade, eu apúntome a primeira. Iso si, sen que me pase o que lle pasa a V na misión.

Bibliografía

De la Emigración, C. (2012, 29 mayo). ‘La ciudad sumergida’, una leyenda gallega de Lugo. Crónicas de la Emigración.
https://www.cronicasdelaemigracion.com/opinion/author/ciudad-sumergida-leyenda-gallega-lugo/20090703123414026286.html

Untitled document. (s. f.).
https://www.eclecticamente.com/cospeito/leyendalaguna.htm

Comentarios (0)