Conceptos
Non varrer de noite
Ficha rápida do concepto
- Nome: Non varrer de noite
- Tipo: Crenza popular galega
- Que di? Varrer de noite pode botar a sorte da casa e deixala desprotexida.
- Dato curioso: Se era necesario varrer, recomendábase deixar o po recollido ata o día seguinte.
O concepto en si
Coñecedes o dito de que non se pode varrer de noite? Pois, se algunha vez o facedes, polo menos tede isto en conta.
Na cultura popular galega dicíase que varrer a casa pola noite, especialmente cara á porta, botaba a sorte fóra do fogar e deixaba a casa desprotexida fronte ás meigas. Noutras zonas tamén se cría que as ánimas dos defuntos viñan quentarse á lareira durante a noite e que, ao varrer, podían marchar ou sentirse espantadas.
O curioso é que, se por algún motivo había que coller a vasoira, recomendábase deixar o po recollido nun curruncho da casa ata o día seguinte. Así evitábase que a boa sorte marchase con el.
Mentres buscaba información tamén atopei un refrán recollido por Xosé Vázquez Saco (1987: 350) e posteriormente por Xesús Ferro Ruibal (2003: 291):
«O día que non se varre, entra na casa quen non se sabe.»
Ao final, parece que co da vasoira nunca había forma de acertar. Se varrías de noite, marchaba a sorte. Se non varrías, igual entraba na casa quen non debía.
Gústame pensar que estas crenzas falan da importancia que tiña o fogar. A casa era moito máis ca un lugar onde vivir; era un espazo que había que protexer. E, como tantas outras tradicións galegas, esa protección tamén pasaba por pequenos xestos da vida cotiá.
Eu, por se acaso... intento limpar sempre polas mañás.
Bibliografía
Cervantes, C. C. V. (s. f.). CVC. Biblioteca fraseológica y paremiológica. Creencias populares, supersticiones y fraseología en Galicia.
https://cvc.cervantes.es/lengua/biblioteca_fraseologica/n3_sardelli/alonso_perez_avila.htm