Instagram TikTok Spotify

Lendas

A Moura do Monte das Croas

Primeira imaxe da Moura do Monte das Croas Segunda imaxe da Moura do Monte das Croas Terceira imaxe da Moura do Monte das Croas

Ficha rápida da lenda

  • Nome: A Moura do Monte das Croas
  • Lugar: Castro das Croas, Salcedo (Pontevedra)
  • Protagonista: Unha moura
  • Que conta? A historia dunha moura que garda un tesouro e pon a proba a quen se cruza no seu camiño.

A lenda en si

Salcedo queda aquí ao lado, así que levo escoitando a historia da Moura do Monte das Croas desde pequena. Sempre había alguén que a coñecía ou que aseguraba saber onde estaba agochado o seu tesouro. O problema é que ninguén a contaba exactamente igual.

A historia está ligada ao Castro das Croas, un dos máis antigos de Pontevedra. No interior do monte vivía unha moura nun palacio cheo de riquezas e, de cando en vez, aparecíase diante da xente que pasaba por alí. Case todos fuxían porque lles daba medo. Eu probablemente tamén o faría.

Un rapaz que estaba coidando as ovellas atopouna un día sentada nunha pedra, peiteándose cun peite de ouro. A moura pediulle un año e el marchou correndo. Cando chegou á casa e llo contou ao pai, este obrigouno a regresar e ofrecerlle o animal que quixese. Pero, ao volver, todas as ovellas desapareceran.

A moura acabou devolvéndollas e pediu que o pai do rapaz fose falar con ela. E aquí é onde a historia se pon interesante, porque ninguén sabe o que lle dixo. O único que conta a lenda é que, a partir dese momento, o home e un amigo seu comezaron a prosperar. Tiñan as mellores colleitas, non lles faltaba nada e os veciños aseguraban que eran eles os encargados de levarlle comida á moura.

A cambio, só tiñan que cumprir unha condición: non revelar o segredo.

Tempo despois, o home enfermou_rb e a moura apareceu para curalo. Volveu advertirlle que non podía contar nada, pero el acabou confesándollo á súa muller. Ao día seguinte apareceu morto e tiña o corpo cheo de marcas, como se alguén pasase toda a noite golpeándoo.

O que lle contou á muller? Nin idea. A lenda remata sen dicilo e recoñezo que me dá bastante rabia. Levo coñecendo esta historia desde pequena e sigo sen saber cal era o segredo. Iso si, eu teño claro que, se unha moura me pide que garde algo, non llo conto a ninguén. Por se acaso.

Bibliografía

De Pontevedra, C. (2024, 21 junio). Lenda da Moura do Monte das Croas - Patrimonio histórico.
https://patrimoniohistorico.pontevedra.gal/salcedo-no-tempo/lenda-da-moura-do-monte-das-croas/

Máxica, G. (2019, 2 octubre). Castro das Croas de Salcedo. Galicia Máxica.
https://www.galiciamaxica.eu/galicia/castro-das-croas-de-salcedo/

Comentarios (0)