Lendas
O Pozo da Ferida
Ficha rápida
- Lugar: Pozo da Ferida (Viveiro, Lugo).
- Lenda: Unha vella xigante caeu ao pozo cun enorme feixe de mulime e nunca máis volveu saír.
- Curiosidade: Tamén se di que o pozo non ten fondo e que, cada vez que alguén intenta medilo, obtén unha profundidade diferente.
A lenda
Creo que vin demasiado Ataque aos Titáns, porque desde entón cada vez que leo a palabra "xigante" penso automaticamente no anime. Así que, cando lin a lenda do Pozo da Ferida e apareceu unha vella xigante, na miña cabeza tiña a cara de Ymir. Xa non fun capaz de imaxinala doutra maneira. Cando llo contei a Carol deulle tanta graza a comparación que agora ela tamén a ve así.
Conta a lenda que unha vella xigante ía cargando un enorme feixe de mulime ás costas cando esvarou e caeu dentro do Pozo da Ferida. Nunca máis volveu saír. Dise que, desde aquel día, a auga ten esa cor escura polo estrume que levaba enriba.
Pero esa non é a única historia que rodea este lugar. Tamén hai quen di que o pozo non ten fondo e que, por moitas veces que alguén intente medilo, nunca obtén a mesma profundidade.
A verdade é que, vendo as fotos, enténdese perfectamente por que acabaron nacendo lendas aquí. Unha fervenza duns trinta metros, rodeada de bosque e cun pozo escuro aos seus pés. É deses sitios que xa parecen gardar un segredo.
Agora só espero unha cousa: que, despois de ler esta entrada, a próxima vez que escoitedes falar da vella xigante do Pozo da Ferida tamén a imaxinedes coa cara de Ymir. Así non serei a única.
Bibliografía
Presas, J. (2025, 17 agosto). Así es la impresionante cascada de Galicia que oculta una leyenda de gigantes. La Razón.
https://www.larazon.es/galicia/asi-impresionante-cascada-galicia-que-oculta-leyenda-gigantes_20250817688c76889db33905c4df9a36.html