Conceptos
A paletilla caída
Ficha rápida do concepto
- Nome: A paletilla caída
- Outros nomes: Espiñela, espinela
- Que é? Crenza da medicina popular galega sobre o desprazamento da paletilla, asociado a un malestar físico xeral.
- Como se curaba? Co chamado levantamento da paletilla, mediante masaxes, movementos e, ás veces, oracións.
O concepto en si
Carol envioume hai uns días un post de @apatrigal cunha mensaxe: "Unha das túas movidas. Dame créditos." Acertou completamente, porque aos cinco minutos xa estaba buscando que era iso da paletilla caída.
A palabra sóame de escoitarlla á xente maior, pero nunca preguntara que significaba. Polo visto, tamén se coñecía como espiñela ou espinela. Crían que era unha especie de óso ou cartilaxe que se movía do sitio e facía que a persoa estivese cansa, sen fame, con pesadez ou incluso con problemas para respirar.
Para saber se a tiñas caída medíanche os brazos e miraban como colocabas o corpo. Se algo non coincidía, tocaba levantala. Facíano con masaxes e movementos, aínda que ás veces tamén utilizaban oracións ou ensalmos.
Ao ler isto pensei inmediatamente en miña nai. Ela dicía que tiña un puntiño de meiga e encantábanlle os remedios antigos e as historias de curandeiras. Seguro que coñecía a paletilla caída. Incluso é posible que ma explicase algunha vez e eu non lle fixese demasiado caso.
Así que si, Carol, aquí quedan os teus créditos.
Bibliografía
A caída da paletilla. Mitos, lendas e contos galegos. (s. f.).
https://galiciaencantada.com/lenda.asp?cat=4&id=2762