Mitos
A Maruxaina
Ficha rápida do mito
- Nome: A Maruxaina
- Tipo: Ser da mitoloxía galega
- Lugar: San Cibrao (Lugo)
- Que é? Unha serea que, segundo a tradición, protexe ou engana aos mariñeiros.
- Tradición: Cada segundo sábado de agosto celébrase a Festa da Maruxaina.
O mito en si
Unha das miñas series favoritas de pequena era H2O. Pasaba horas vendo a Emma, Rikki e Cleo soñando con que, ao tocar a auga, tamén me puidese converter nunha serea. Supoño que por iso sempre me chamaron a atención as historias relacionadas co mar. E, se falamos de sereas galegas, hai unha que destaca por riba de todas: a Maruxaina.
A Maruxaina vive nas illas dos Farallóns, fronte a San Cibrao, nun palacio baixo o mar. Ou iso din, porque nin sequera se poñen de acordo sobre como é. Eu sempre a imaxinei como unha serea fermosa que canta para avisar os mariñeiros cando se achega un temporal. O típico, a verdade. Pero hai outra versión bastante menos bonita na que se transforma nunha bruxa mariña e utiliza o seu canto para levalos contra as rochas. Así que pode estar intentando salvarte ou facer todo o contrario. Depende de quen che conte a historia.
En San Cibrao teñen unha estatua súa colocada sobre unhas rochas e, sinceramente, non se me ocorre un sitio mellor para poñela. Pero o curioso é que a Maruxaina non quedou simplemente convertida nunha estatua. Cada segundo sábado de agosto celébranlle unha festa. E non é unha festa calquera. Durante a noite fan un espectáculo no que recrean a captura da serea, lévana ata terra e fanlle un xuízo. Alí deciden se durante o ano foi boa e axudou os mariñeiros ou se intentou levalos cara ás rochas. Sempre que vexo as fotos, con case todo o mundo vestido de branco e azul mariño, parece que o pobo enteiro está metido na historia.
Creo que esa é a parte que máis me gusta. A Maruxaina poderá ser boa, mala ou as dúas cousas á vez, pero cada verán volve saír do mar e durante unha noite todo San Cibrao está pendente dela. A min con iso xa me gañaron e quero ir á festa.
Bibliografía
La leyenda de la Maruxaina. (s. f.).
https://rinconesdelamarina.blogspot.com/2014/11/la-leyenda-de-la-maruxaina.html
Garcia, M. (2019, 19 noviembre). A Maruxaina, San Ciprián, Lugo. Callejeando por el Mundo.
https://www.callejeandoporelmundo.com/a-maruxaina-san-ciprian-lugo/