Mitos
O Mosteiro de San Pedro de Rocas
Ficha rápida
- Lugar: Esgos (Ourense)
- Que é? Un dos mosteiros cristiáns máis antigos da Península, escavado na propia rocha.
- Lenda: O cabaleiro Gemodus descubriuno mentres perseguía un xabaril e decidiu quedar a vivir alí.
- Curiosidade: Dise que baixo o mosteiro se agocha unha viga de ouro que converte en alquitrán a quen a toque.
O mito en si
Gemodus saíu ao monte detrás dun xabaril e acabou facéndose ermitán. Ben, en realidade non sabemos se foi exactamente así, pero esa é a lenda. A min faime graza imaxinar o momento no que deixou de perseguir o animal e decidiu que quedaba a vivir alí.
Ese lugar era San Pedro de Rocas, en Esgos (Ourense). O mosteiro está escavado directamente na pedra e é un dos máis antigos da Península. Se mirades as imaxes que vos deixo, ides entender un pouco mellor que lle gustase, porque o sitio é chulo. Aínda así, pasar de cazar un xabaril a facerse ermitán segue parecéndome un cambio bastante grande.
Gemodus tampouco foi o primeiro en vivir alí. Antes da súa chegada xa había ermitáns instalados nas covas da zona. E logo están todas as historias que se foron contando sobre o mosteiro. Unha delas di que debaixo hai un túnel cunha viga de ouro. Iso si, non se pode tocar porque quen o faga acaba convertido en alquitrán. Eu non sei quen inventou esta parte, pero desde logo conseguiu que ninguén se achegase demasiado á viga. Eu, desde logo, deixaríaa onde está. Tamén está a historia da pinga, que é bastante peor. Era un método de tortura que consistía en deixar caer unha gota de auga sobre a cabeza dunha persoa durante horas ata facela perder a razón. Dise que se utilizou en San Pedro de Rocas, aínda que non está demostrado e pode que só sexa outra das lendas do lugar.
Eu comecei buscando información sobre un cabaleiro e un xabaril e acabei lendo sobre vigas de ouro, alquitrán e torturas con gotas de auga. Non era exactamente o que esperaba atopar, pero quedoume claro que, desde logo, aburrirse alí non se aburrían.
Bibliografía
Padilla, A. (2021, 1 marzo). Viajar, ver, encontrar. EL MONASTERIO DE SAN PEDRO DE LAS ROCAS (Esgos. Ourense).
https://www.viajarverencontrar.com/2021/01/el-monasterio-de-san-pedro-de-las-rocas.html