Instagram TikTok Spotify

Mitos

Monte Medulio

Primeira imaxe do Monte Medulio Segunda imaxe do Monte Medulio Terceira imaxe do Monte Medulio

Ficha rápida

  • Lugar: Monte Medulio (localización descoñecida).
  • Lenda: Os galaicos, cercados polas lexións romanas, preferiron morrer antes que vivir como escravos.
  • Símbolo: Da súa historia naceu o lema "Denantes mortos que escravos", convertido nun dos grandes símbolos da resistencia galega.

O mito en si

"Denantes mortos que escravos".

Levo escoitando esa frase desde que era pequena, pero durante moitos anos non souben realmente de onde viña. Recordo que, sendo adolescente, un día púxenme a buscar a súa orixe por simple curiosidade. Sen decatarme, estaba descubrindo a que probablemente foi o primeiro mito que investiguei pola miña conta: o do Monte Medulio.

O que atopei foi unha historia bastante dura. Durante o avance romano polo noroeste da Península, un grupo de pobos da zona quedou cercado polas lexións romanas nun monte. Os romanos rodeáranos cun foso e xa non podían escapar. Só lles quedaba renderse ou morrer.

Escolleron morrer. Uns beberon veleno de teixo, outros botáronse ao lume e outros atravesáronse coa súa propia espada. Preferiron iso antes que acabar vivindo como escravos. Non hai ningún rescate de última hora nin un heroe que consiga salvalos. Sabes como vai rematar e, aínda así, continúas lendo.

Eu daquela pensaba que o Monte Medulio era un lugar concreto que se podía buscar nun mapa, pero resulta que tampouco sabemos onde estaba. Hai quen o sitúa en Santa Trega, outros no Caurel e existen máis teorías. Levamos máis de dous mil anos falando do que pasou alí e aínda non temos claro onde queda ese “alí”.

A historia acabou converténdose nun símbolo da resistencia galega. Castelao tamén empregou o lema "Denantes mortos que escravos" no escudo que propuxo para Galicia. Cando descubrín isto, a frase gustoume aínda máis.

Agora, cada vez que a escoito, xa non penso só nun lema. Acórdome da adolescente que un día decidiu buscar de onde viña e acabou pasando horas lendo sobre o Monte Medulio. Creo que lle teño tanto cariño precisamente por iso. Foi unha das primeiras veces que busquei un mito galego porque realmente quería coñecelo, non porque tivese que facelo para un traballo. E quen me ía dicir daquela que, uns anos despois, acabaría escribindo un blog para contalos.

Bibliografía

Amil, I. F. (2025, 16 marzo). Monte Medulio: la batalla en la que miles de gallegos prefirieron la muerte antes que ser esclavos de Roma. El Español.
https://www.elespanol.com/quincemil/cultura/historias-de-la-historia/20250316/monte-medulio-batalla-miles-gallegos-prefirieron-muerte-esclavos-roma/931157415_0.html

De Antonio Ceniza, V. T. L. E. (2020, 11 agosto). El Monte Medulio: Historia y leyenda. Misterios y Leyendas de Galicia y Asturias.
https://misteriosleyendasdegaliciayasturias.wordpress.com/2018/04/18/el-monte-medulio-historia-y-leyenda/

Comentarios (0)